venres, 14 de outubro de 2022

ATA OUTRA!! ATÉ LOGO!!

 O noso máis sentido agradecemento ao equipo directivo, ao profesorado e a toda as traballadoras e traballadores do Agrupamento de Escolas de Freixo pola súa acollida.

Por facernos sentir como parte da súa escola e por compartir con nós o seu bo saber facer.



ANTES DA PARTIDA

 Mais antes de pechar esta aventura, non podíamos marchar sen lembrar un anaquiño do impresionante patrimonio portugués, con unha pequeniña mostra do que coñecimos durante estes días.



ÚLTIMA XORNADA DA NOSA ESTADÍA NO AGRUPAMENTO DE ESCOLAS DE FREIXO

Chega a fin da nosa experiencia Erasmus en Portugal.

Tamén tivemos un momento de PARTILHA DE PRACTICAS para compartir experiencias educativas, intercambiar impresións, anhelos e inquedanzas, que nos unen no obxectivo común de ofrecer as mellores ferramentas e oportunidades ao noso alumnado.

Aquí deixamos algunhas fotos máis de espazos comúns, pavillón de deportes e aula de robótica.






 

xoves, 13 de outubro de 2022

FRAXINUS EXCELSIOR

 Últimas pistas para chegar ata a escola na que estivemos esta última semana:

- Dende a cidade da lenda (Ponte de Lima) ata a escola que visitamos, viaxando cara o sur, hai unha distancia similar á que hai entre a Illa de Arousa e Vilagarcía.

- Está nun pobo con nome de árbore; unha árbore á que en Galicia e na mitoloxía celta, atribúenselle poderes curativos e sobrenaturais. Os antigos labregos afirmaban que nunca era alcanzada por un raio, e por iso nas tormentas se refuxiaban debaixo das súas pólas. (Por se axuda: comeza por F).

Se pensades que tendes a resposta, deixádea no apartado de comentarios.




mércores, 12 de outubro de 2022

DESCUBRINDO E INVESTIGANDO

 Como van esas pesquisas?

 Nós aquí, aproveitamos un momento na clase de Tics para amosarlle ao alumnado de 6º ano o lugar dende onde vimos.


Aquí van as seguintes pistas:

4) A escola está nun concello que foi o primerio pobo de Portugal.

5) Neste pobo existe unha lenda sobre soldados romanos e o río do Esquecemento, á que fai referencia esta foto. 


Esta lenda tamén se conta nunha vila de Ourense, famosa polo seu entroido, e que comparte o mesmo río con este pobo portugués, co que está irmanado dende hai máis de 30 anos.

Ánimo!! que xa queda pouco!!


A horta tamén é un lugar que se aproveita para actividades específicas 
co alumnado con necesidades.

Un amplo espazo permite almacenar todo tipo de menaxe e utensilios que se precisen para actividades puntuais e mesmo ter unha lavandaría.

Aula específica de Ciencias.

No Club Comunica elaboran guións para o telexornal diario, gravan e editan as noticias, as reportaxes, entrevistas, vídeos temáticos...



Un quiosko "dixital" á entrada do centro 
permite consultar as últimas noticias do xornal Comunica, onde tamén podemos acceder á información diaria sobre o tempo, que elaboran no club de meteroroloxía (Meteofreixo)

Aula de usos múltiples onde tamén celebran as ASEMBLEAS DO ALUMNADO e xogos nos espazos de "convivio" .
Un sismógrafo que recolle os datos en tempo real nun radio de 600 kilómetros. Puidemos ver os temblores da terra que houbo recentemente cerca da nosa zona.




martes, 11 de outubro de 2022

INVESTIGANDO E DESCUBRINDO

 Chegamos ao noso destino e comezamos coñecendo espazos, aulas (que aquí son salas), mestras e mestres e alumnado. O recibimento é fantástico e sentímonos moi ben acollidas.









Pero non queremos decirvos aínda o lugar exacto onde estamos. 
Propoñemos un pequeno xogo de pistas para que participedes dende as vosas aulas. 
A ver quen descubre antes en que colexio de Europa estamos.

AVISO AO PROFESORADO: Só podedes axudar logo da última pista.

Aquí van as primeiras:

1.- Para chegar ata aquí tivemos que cruzar tres pontes, dúas galegas e unha compartida co noso anfitrión.

2.- Aínda non sabendo o idioma local, non temos dificultade algunha para entendernos.

3.- Estamos ao norte do país.





luns, 10 de outubro de 2022

IMOS DE ERASMUS

Collemos rumbo a Portugal, coas maletas cargadas de ganas de coñecer como son as escolas do noso país veciño.


Saímos da Illa de Arousa,


estamos chegando.