No noso segundo día, coñecemos a Escola Luis Mendosa tamén en Barreiro.
Levan anos traballando no Erasmus + como se pode apreciar en todas as fotos.
Os espazos exteriores da escola son moi amplos e o pavillón de deportes conta cunha tirolina, unha estrutura para facer rápel e un rocódromo con arneses. A mestra de EF explicounos o funcionamento destas actividades e tamén que é un pavillón visitado por outras escolas do municipio para practicar estes deportes.
Por fin coñecemos a María, o noso contacto nesta experiencia e profesora de español nesta escola. Estivemos na súa aula con alumnos e alumnas de 13 e 14 anos.
O alumnado conta con dispositivos portátiles parecidos aos ordenadores Edixgal do noso cole. Na clase
traballaron moito vocabulario en español sobre os tipos de familia a través dun xogo de tarxetas de cores.
A aula do futuro pareceunos marabillosa. Espazos onde crear con impresoras 3D, mesa táctil, varias pantallas e ordenadores, maquetas, drons... Un espazo estupendo onde converterse en creadores de contidos.
Contan cunha aula de expresión plástica completamente equipada. Nótase que é un espazo artístico, non so polo mobiliario, con armarios decorados con artistas famosos, mesas e cadeiras adaptadas ao traballo senón tamén pola morea de traballos, creacións do alumnado e colorido que había na aula.
A biblioteca é un dos espazos mais atractivos para a rapazada aínda que por mor da pandemia non funciona a pleno rendemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Por favor, deixa o teu nome para saber quen nos escribe. Grazas