sábado, 23 de abril de 2022

Último día

Queremos agradecer ao Agrupamento de escolas do Barreiro a súa hospitalidade e tamén a organizacion dos horarios para poder recibir a nosa visita. 

Grazas ao profesorado que nos abriu as portas das súas aulas para mostrarnos como traballan.

Grazas aos nenos e nenas do Barreiro pola sua complicidade a pesar de non falar a mesma lingua. Fixeron a nosa visita moi sinxela.

Grazas tamén por darnos tempo de ocio e recomendarnos a visita de lugares imprescindibles para coñecer a zona.

Aquí vos deixamos unha selección de fotos para que vexades que tamén tivemos tempo para desfrutar da cidade.


 
Remata a nosa experiencia. Estamos agotadas pero agradecidas por esta oportunidade. 
 Grazas a todos e todas por acompañarnos estes días.

Fátima e María

venres, 22 de abril de 2022

Cuarto día (sexta feira)

 No día de hoxe puidemos coñecer as clases de educación infantil da escola Manuela Fonseca.

Cada aula ten unha cor asignada. Nós tivemos a sorte de coñecer aos nenos e nenas da clase vermella e tamén as súas mestras. Encantounos a experiencia.


Aquí vos deixamos a canción de benvida coa que nos recibiron.
 

Ademais na nosa visita de despedida á escola Luis Mendosa, puidemos ver unha exposición sobre o 25 de abril, festa nacional en Portugal. Conmemoran o día no que a democracia chegou ao país. A ponte de acceso a Lisboa recibe tamén este nome para lembrar esta data tan importante. 
É unha ponte un pouquiño máis longa ca da Arousa, está a 70 metros de altura sobre o río e ten unha altura de 190 metros. 
Alá fomos atravesar a ponte....

Tivemos a oportunidade de poder asistir a unha conferencia da policía local sobre o bullyng, tema ao que lle adican moito tempo de traballo na escola.


Queda xa pouco para rematar esta experiencia. Danos moita pena pero tamén estamos desexando voltar as nosas aulas e ver os nosos nenos e nenas.

xoves, 21 de abril de 2022

Terceiro día

 Na xornada de hoxe coñecemos a escola infantil do agrupamento.



Tres aulas con espazos divididos en recunchos. Nenos e nenas con idades mesturadas e moitas ganas de dar apertas.






Espazos cheos de colorido...
 
Contan con comedor escolar con cociñeiras que fan a comida diariamente.
Os espazos exteriores son moi amplios e teñen unha horta que coidan con esmero.

Animádevos a deixarnos algún comentario sobre as escolas que estamos visitando para coñecer as vosas impresións...

mércores, 20 de abril de 2022

Segundo día

No noso segundo día, coñecemos a Escola Luis Mendosa tamén en Barreiro.
Levan anos traballando no Erasmus + como se pode apreciar en todas as fotos.

Os espazos exteriores da escola son moi amplos e o pavillón de deportes conta cunha tirolina, unha estrutura para facer rápel e un rocódromo con arneses. A mestra de EF explicounos o funcionamento destas actividades e tamén que é un pavillón visitado por outras escolas do municipio para practicar estes deportes.


Por fin coñecemos a María, o noso contacto nesta experiencia e profesora de español nesta escola. Estivemos na súa aula con alumnos e alumnas de 13 e 14 anos.
O alumnado conta con dispositivos portátiles parecidos aos ordenadores Edixgal do noso cole. Na clase
 traballaron moito vocabulario en español sobre os tipos de familia a través dun xogo de tarxetas de cores.
 

A aula do futuro pareceunos marabillosa. Espazos onde crear con impresoras 3D, mesa táctil, varias pantallas e ordenadores, maquetas, drons... Un espazo estupendo onde converterse en creadores de contidos.
 
 
 
Contan cunha aula de expresión plástica completamente equipada. Nótase que é un espazo artístico, non so polo mobiliario, con armarios decorados con artistas famosos, mesas e cadeiras adaptadas ao traballo senón tamén pola morea de  traballos, creacións do alumnado e colorido que había na aula.

 A biblioteca é un dos espazos mais atractivos para a rapazada aínda que por mor da pandemia non funciona a pleno rendemento.
Aquí vos deixamos unha morea de imaxes da decoración dos corredores.

Chegou o gran día

Hoxe por fin chegamos a Lisboa. 
Despois dun gran madrugón e un bo almorzo collemos o ferry que nos levaría a escola de Manuela Fonseca en Barreiro.
Entramos nunha escola nova, inaugurada no pasado setembro e con espazos abertos, luminosos e moi acolledores para traballar xuntos e xuntas.
 
 
Atopámonos con aulas con nenos e  nenas de moitas nacionalidades, con diferentes linguas, razas e culturas e tamén con mestras e mestres que traballan arreo para  facer que estas crianzas desfruten da escola e aprendan a través dos proxectos que levan a cabo.
 
Aprendemos que o mes de Abril en Portugal está adicado á prevención dos malos tratos na infancia e que a través da lectura do escritor portugués José Saramago os nenos e nenas prepáranse para un concurso de lectura que se leva a cabo neste concello.

martes, 5 de abril de 2022

Comezamos!

Prestade moita atención!! Próximamente teredes noticias da viaxe que estamos organizando. 
Imaxinades a onde?
...